O 63 % dos contaxios secuenciados en laboratorio en Galicia corresponden á cepa británica, segundo confirmou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, quen confirma que, ao igual que as outras variantes novas, é máis agresiva.
O presidente da Xunta:
A cepa británica é a predominante en Galicia, segundo lle informou o comité clínico ao presidente da Xunta. Esta variante da COVID-19 está detrás dos novos contaxios e das altas incidencias que presenta a área sanitaria da Coruña, que segue por riba dos 2.000 casos activos, desmarcada das demáis. De feito, a cepa británica na área coruñesa representa o 80 % dos novos contaxios analizados. En Galicia a media é do 63 %.
As novas cepas «están sendo máis agresivas» avanzou Feijóo en rolda de prensa tras a reunión do comité clínico.
As mortes están a ser moitas máis que en vagas anteriores e non podemos permitir que sexan habituais, apuntou Feijóo, que considera que deben ser » a excepción».
Nunha chamada de atención aos galegos e galegas, Feijóo sinalou que: «A esta sociedade non pode interesarlle máis o grao de apertura da hostalaría que o número de falecidos ao día» e engadiu: «Non creo que debamos normalizar as mortes; non son cifras, non son indicadores, son persoas».
A relaxación das restricións e esta apertura, moito máis ampla da que moitos pensaban pode ter os días contados. «Non descartamos volver atrás». Feijóo advirte que se as cifras non son seguras, non dubidarán en volver pechar.
O presidente galego xa avanzou que agora a consellería tomará decisións máis rapidamente, tendo en conta a incidencia acumulada a 7 días en lugar de a 14, como ata agora.