A Xunta pon en marcha este proxecto audiovisual que ten como obxectivo poñer en valor os produtos tradicionais da cociña galega, a través de cinco entregas conducidas polo xefe de cociña André Arzúa.
A serie céntrase en cinco manxares propios da cociña galega –congro seco, sardiña lañada, queixo de Arzúa, pan do país e androia− protagonistas de cadansúa entrega de Gastronomía para non perderse, que desde hoxe pode verse de balde a través do Portal da Lingua Galega, e próximamente se incorporará á plataforma da Rede de Bibliotecas Públicas GaliciaLe.
Cociña, tradición, lingua e cultura como ingredientes
En Gastronomía para non perderse únense cociña, tradición, lingua e cultura, a través de cinco documentais que foron gravados entre xullo e novembro do 2020 en distintas localidades da nosa xeografía, centrados todos eles na posta en valor de varios produtos alimentarios galegos que gozan de distinta popularidade.
Cada capítulo, duns 25 minutos, está centrado nun produto concreto –congro seco, sardiña lañada, queixo de arzúa, pan do país e androia– trasládase co cociñeiro ao lugar onde o produto é orixinario para coñecer a persoas locais que se encargan da súa elaboración. Así, indaga na historia destes alimentos e na súa influencia económica, patrimonial, gastronómica e mesmo lingüística, pois como amosa a serie, existe un rico vocabulario característico para cada un destes procesos de produción artesanais difícil de coñecer fóra do seu eido.
Gastronomía no Fondo Xacobeo 2021
O audiovisual Gastronomía para non perderse forma parte dos recursos dixitais da modalidade Xacobeo, turismo, xeografía, paisaxe, gastronomía, usos e costumes sociais do Fondo Xacobeo 2021, un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado pola Xunta de Galicia no marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da COVID-19.