viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasLouriñaFacenda impón unha revisión catastral nos concellos da Louriña

Facenda impón unha revisión catastral nos concellos da Louriña

O Ministerio a través do Catastro impón o inicio dun novo Procedemento Simplificado de Valoración Catastral en Mos, Salceda de Caselas e O Porriño.

“Sen previo aviso e no peor momento posible para a veciñanza dada a crise derivada da COVID-19”, así valora esta revisión catastral que foi publicada con data de onte na Sede Electrónica do Catastro a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. A rexedora lamenta “esta imposición sen previo aviso, tras ter mantido unha videoconferencia coa Xerente Territorial do Catastro en Pontevedra, Micaela Martínez Benavente, na que esta mantivo unha postura e actitude hostil de ataque ao Concello e posteriormente, foi publicado na Sede Electrónica o Acordo do Inicio do Procedemento Simplificado, sen previo aviso e sen contar co consenso desta administración local; do que nos enteramos por casualidade esta mañá ao consultar o Taboleiro de Anuncios da Sede Catastral”.

A rexedora local manifesta a súa “sorpresa e descontento ante a posición e actitude do Catastro, ante a falla de información; pero tamén a decepción co ORAL e, por conseguinte, coa Deputación de Pontevedra, por ser coñecedores desta decisión unilateral do Ministerio de Facenda e non terllo comunicado aos concellos afectados”.

Arévalo considera “indignante que non se lle deixe marxe ao Concello para defender os intereses dos veciños e simplemente se alegue desde o Catastro que están amparados pola lei para impoñer esta nova revisión catastral sen petición formal nin previo aviso aos municipios afectados”.

A nova revisión catastral que afecta á veciñanza do Concello de Mos consiste nun Procedemento Simplificado de Valoración dos chans que adquiren a consideración de chan de natureza urbana, con motivo da existencia de Plan Xeral (PXOM do ano 2017) e que se atopaban excluídos na delimitación de chan de natureza urbana do relatorio de valores vixente.

Para os propietarios afectados iníciase o prazo de trámite de audiencia de 10 días e, unha vez transcorrido, procederase por parte do Catastro á correspondente notificación individualizada dos valores catastrais resultantes.

É por elo que desde o Concello de Mos ponse en coñecemento esta realidade aos titulares catastrais afectados, para alertalos de que deben realizar, no prazo de 10 días hábiles contados desde onte, o trámite de audiencia. Para elo deben pedir cita previa na Xerencia do Catastro en Pontevedra chamando aos teléfonos 91 387 45 50 – 902 37 36 35 ou a través da Sede electrónica do Catastro (www.sedecatastro.gob.es) para posteriormente acudir en persoa á sede da Xerencia, sita na Rúa Andrés Muruáis, 4 de Pontevedra a formular as alegacións e presentar as probas que se estimen pertinentes.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS