Os 26 municipios escriben aos presidentes de España e Portugal para urxir a apertura dos pasos para os traballadores transfronteirizos.
O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Miño, AECT Río Miño, vén de remitir cartas ao presidente do Goberno español Pedro Sánchez, ao presidente portugués Marcelo de Sousa, e á comisaria europea de Cohesión Elisa Ferreira para que desbloqueen a situación actual de peche da fronteira entre a provincia de Pontevedra e Portugal e realicen as dilixencias necesarias para abrir todos os pasos para as persoas traballadoras transfronteirizas de ambas as beiras.
O vicedirector do AECT, Uxío Benítez, na súa misiva ao dirixente español, subliña que o peche de fronteiras “é redundante, innecesario e un desincentivo ás relacións transfronteirizas base do desenvolvemento socioeconómico do territorio miñoto”, xa que tanto os concellos galegos como portugueses están en confinamento perimetral e, por tanto, só está permitida a mobilidade por razón laborais ou excepcionais.
Insiste Benítez en que o mantemento dun único paso autorizado en Tui-Valença revela unha total falta de coñecemento da realidade dos territorios transfronteirizos, en particular do territorio do Miño. Subliña que no periodo de confinamento de marzo de 2020 a ponte internacional de Tui-Valença, a única aberta na zona, concentrou arredor do 44% do total da mobilidade entre España e Portugal, algo que os respectivos gobernos de Madrid e Lisboa recoñeceron no seu momento, reabrindo as pontes de Tomiño-Cerveira, Salvaterra-Monçao e Arbo-Melgaço.
“Nun segundo peche de fronteiras é totalmente incomprensible non ter novamente esta realidade en conta, propiciando unha medida que potencia o efecto funil, con quilómetros de filas para pasar a fronteira, pérdidas de tempos innecesarias, e unha vez máis, introducindo un inexplicable obstáculo a unha poboación de fronteira que xa non se sente de fronteira, senón cidadáns e cidadás dunha Europa sen fronteiras”, incide Benítez.
É por iso que, ademais de solicitar a apertura controlada de todos os pasos, o dirixente do AECT, en nome dos 26 alcaldes e alcaldesas do AECT, tamén trasladou aos presidentes e á comisaria a esixencia de que o persoal traballador transfronteirizo sexa beneficiario dos apoios socioeconómicos para facer fronte ao impacto da pandemia; a solicitude de axuda política e económica á Comisión Europea; a creación dunha ‘tarxeta cidadá transfronteiriza’ para facilitar a circulación; así como a reivindicación unha Intervención Territorial Integrada (ITI) con vistas aos próximos fondos europeos.