Logo de acometer o derrubo dun inmoble próximo, localizado na Avenida da Concordia, o Concello de Tui actuará neste edificio en ruínas.
O Concello de Tui traballa na redacción dun proxecto de rehabilitación da antiga fábrica de Cam-Fram, de titularidade municipal. O proxecto contempla a cubrición da estrutura do edificio de xeito temporal, mentres non inicien as obras de acondicionamento, co obxectivo de “garantir a seguridade no mesmo e tamén eliminar o feísmo nese ámbito urbano”.
A seguinte actuación na zona, despois da conclusión da apertura da rúa Ourense, será a execución do proxecto de humanización da Avenida da Concordia, ao igual que se está a facer na rúa Colón, obra que se espera dea comezo a principios do vindeiro ano, “a fin de dignificar as entradas a cidade tudense”, explican desde o Concello.
Fai unhas semanas, o Concello de Tui encargouse da demolición de outro edificio na Avenida de Concordia que tamén levaba trinta anos en estado ruinoso. Si Radio informou da nova, que poden ler aquí.