A ente autonómico suspende, temporalmente, o expediente ao Club de Fútbol Fuenlabrada e á Liga de Fútbol Profesional tras un informe pericial que pon en coñecemento do xulgado
A decisión tomouse despois de que un informe xurídico recomendase a suspensión do procedemento sancionador, «atendendo ao principio de preferencia do procedemento penal sobre o administrativo», segundo apunta a Xunta de Galicia, que retomará o expediente unha vez se esgote a vía xudicial. Así, o Consello do goberno galego acorda a suspensión do proceso administrativo mentes non se resolva o procedemento penal, aberto polo xulgado de Instrucción número 6 da Coruña.
A Consellería de Sanidade, a través da súa Delegación Territorial na Coruña, investigaba a posible responsabilidade dos equipos directivos do Fuenlabrada e da Liga de Fútbol no incumprimento das normas sanitarias impostas a raíz da pandemia de coronavirus. Era, polo tanto, un expediente administrativo por unha posible infracción contra a saúde pública, en canto que a investigación xudicial do Xulgado número 6 da Coruña se basea na posible comisión dun delito de lesións o doutro contra os dereitos dos traballadores.
Malia tratarse de expedientes cun fundamento distinto, a Asesoría Xurídica aconsella a suspensión temporal do que tiña aberto a Xunta porque, ademais da preferencia do procedemento xudicial sobre o administrativo, aprécianse outras cuestións, como a necesidade de evitar “unha contradición” se finalmente a Xustiza establece “uns feitos diferentes”. Segundo os asesores da Xunta, “esta solución evita calquera risco de eventuais contradicións entre a xurisdición penal e a administrativa en canto aos feitos e, polo tanto, o risco xurídico que podería afectar o resultado útil do procedemento administrativo e o ben xurídico que se pretende protexer nel, a saúde pública.
A decisión, que agora se deberá comunicar ao xulgado instrutor, non implica que a Xunta renuncie a retomar o expediente sancionador unha vez rematado o proceso xudicial. De feito, no escrito ao xulgado herculino solicitarase que, en canto finalice o proceso penal, se dea conta á Administración autonómica ante a posibilidade de continuar o procedemento sancionador “partindo dos feitos determinados na vía penal”.