A Xunta convida ao público a dous concertos didácticos en liña desde o Gaiás. Poderán seguirse en streaming os sábados 20 e 27 de febreiro ás 12.00 horas a través da canle de Youtube da Cidade da Cultura.
Baixo a máxima de que os camiños “levan e traen”, este pequeno ciclo de dous concertos didácticos propón ao público familiar unha viaxe musical polas Rutas Xacobeas, como lugares de extraordinaria viveza cultural. A primeira das citas será este sábado 20 de febreiro, da man de Pablo Carpintero e Rosa Sánchez para afondar nos distintos tipos de gaitas de fol que podemos atopar na Península Ibérica e tamén no occidente europeo, interpretando repertorios propios de cada zona e empregando tamén a dixitación e xeitos característicos. O seguinte sábado, 27 de febreiro, será a quenda da soprano Esperanza Mara que, partindo dun recortable dos músicos do Pórtico da Gloria, transportará á audiencia á época medieval a través dos sons de arpas, salterios, fídulas ou laúdes, e das melodías da lírica galego-portuguesa.