Este Ano Santo a Xunta investirá 900.000 euros na restauración dunha das maiores xoias patrimoniais que se atopan na ruta Portuguesa pola Costa: o Mosteiro de Santa María de Oia.
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, anunciou que a Xunta de Galicia ten previsto levar a cabo un proxecto de rehabilitación cun investimento de preto de 900.000 euros na igrexa. Esta actuación permitirá mellorar as condicións de humidade e resolver os problemas da falta de mantemento e conservación deste importante BIC do Camiño Portugués da Costa.
Esta intervención “será a maior aposta da Xunta este ano no patrimonio da provincia de Pontevedra e unha das máis importantes de toda Galicia”, subliña o conselleiro. Isto será posible grazas ao incremento do investimento por parte do Goberno autonómico en fondos para patrimonio. “En 2021 imos dedicar un 19% máis”, declarou Rodríguez.
Numerosas zonas de actuación
A actuación que se levará a cabo neste Ben de Interese Cultural permitirá mellorar as patoloxías derivadas da entrada de auga, así como resolver os problemas pola falla de mantemento e conservación. Así, o proxecto prevé que as principais actuacións se centren nas fachadas e cubertas, así como en mellorar as condicións de ventilación.
Para iso modificaranse os aleiros, co fin de evitar a entrada de auga pola cabeza dos muros, restaurarase a cuberta do faldón norte e rebaixarase a cota do terreo arredor das fachadas leste e sur da igrexa. Así mesmo, tamén se eliminarán os rexuntados interiores de cemento e cambiaranse as actuais carpinterías deterioradas e sen ventilación por outras de aceiro inoxidable negro con ventilación permanente.
As obras previstas no Mosteiro de Oia complétanse coa apertura da antiga comunicación entre a sancristía e a torre do campanario, co acondicionamento do adro da igrexa completando a actual pavimentación en granito e coa execución dun novo sistema de evacuación de augas pluviais e residuais de todo o conxunto.