A decepción nos 26 municipios da raia é xeneralizada ante o anuncio do goberno portugués de manter a Ponte Internacional de Tui-Valença como único punto de paso autorizado para os traballadores transfronteirizos durante as 24 horas do día.
Aínda que o Ministerio da Administración Interna de Portugal abre parcialmente a ponte de Arbo-Melgaço e amplía o horario de apertura do paso de Salvaterra-Monçao, tres horas pola mañá e tres horas pola tarde en ambos casos, o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño considera esta medida insuficiente, froito do “total e persistente descoñecemento” dos gobernos centrais de Madrid e Lisboa sobre a realidade do territorio miñoto.
“Este cambio nos pasos autorizados é ‘lanzar area aos ollos’ dos alcaldes e alcaldesas e das súas poboacións, pois non satisfai en absoluto as pretensións anteriormente expostas, alén de manter o calvario de afunilamento de tránsito en Valença-Tui e de reiterar a indisponibilidade do Goberno de soportar os custos de máis puntos de paso autorizados controlados, querendo traspor para os traballadores grande parte desa carga”, valora Uxío Benítez, vicedirector da AECT Río Miño.
Ante isto, a AECT Río Miño convocou para este luns unha nova reunión con carácter urxente para avanzar novas accións de protesta en defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras transfronteirizas e de transportes de mercadorías.
Benítez insiste en que non hai razóns obxectivas para non abrir todos os pasos “senón só razóns cicateiras que toman gobernos dende a lonxanía e sen coñecemento”, polo que pediu un “esforzo superior” aos gobernos de España e Portugal, tanto en comprensión da realidade da fronteira miñota, como á hora de dotar de medios os controis dos puntos de pasaxe autorizada.
Neste senso, lembrou que a ponte de Tomiño-Vila Nova de Cerveira -que polo de agora permanecerá pechada tralos últimos cambios- é a 5ª con máis movemento de vehículos das 64 de toda a raia entre España e Portugal. Nas inmediacións deste viaduto sitúase o parque empresarial de Cerveira, con 4.300 persoas traballadoras das que máis dun milleiro son galegas. “Hai unha relación comercial umbilical entre unha e outra beira. Tui-Valença está a 16 quilómetros e A Guarda a 27 quilómetros. O paso a través da ponte da Amizade recurtaría as distancias acumuladas que todo o persoal laboral ten que percorrer de maneira obrigada”, subliñou.