O Concello vén de mercar tres timbais para os músicos e ensembles que actúan no auditorio.
Tres timbais para o auditorio municipal é a última das adquisicións do Concello do Rosal. Os instrumentos serán empregados por músicos da localidade e ensembles que actúen neste espazo e os precisen para os seus espectáculos. O Rosal é un municipio prolífero no ámbito musical, exemplo diso é o gran número de músicos que saen da escola da Agrupación Musical do Rosal, coa que o Concello colabora activamente dende hai anos. “Dotar ao auditorio municipal de instrumentos musicais e de todo o material necesario, tanto instrumental como técnico, é unha aposta polo desenvolvemento cultural do noso poso”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández.
Por este motivo, o Concello irá dotando ao auditorio municipal do material necesario, comezando por dous timbais cromáticos de 23 e 29 polgadas con pedal de embrague co que completar o xogo co timbal concedido anteriormente, de 26 polgadas. Estes instrumentos, de grandes dimensións, tiveron un custo de máis de 7.250 euros, que foron subvencionados a través do Plan Concellos 2018 da Deputación de Pontevedra.
Estes timbais constan de caldeira de cobre, formadas a presión para manter un grosor uniforme en toda a caldeira, e suspendida mediante un anel de aceiro contorneado forte e firme para manter a estabilidade durante o transporte. Os instrumentos teñen tres rodas, dúas na parte posterior e unha baixo o mecanismo de pedal con sistema de freado para evitar que xiren e, contan ademais, cun mecanismo de afinador fino dos timbais colocado ao lado dos intérpretes que ofrece unha gran fluidez.