viernes, noviembre 22, 2024
InicioComarcasLouriñaA performance Paula Sanmartín abre en Mos "Mulleres en acción. Violencia Zero"

A performance Paula Sanmartín abre en Mos «Mulleres en acción. Violencia Zero»

O programa provincial de concienciación contra as violencias machistas adáptase ás actuais restricións da pandemia e ofrécese en directo por “streaming”

Coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia a artista Paula Sanmartín, trouxo ao auditorio do Multiusos das Pozas a súa peza “Pulso” dando voz ao terceiro sexo (persoas que non encaixan nos sexos masculino ou feminino) e á loita contra a violencia institucionalizada. Comezou así a sexta edición do programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, sen público en directo por mor da situación sanitaria que vivimos pero hoxe o alumnado do IES de Mos poderá visualizala e con ela fomentar o debate entre os mozos a través dunha actividade pedagóxica.

Quen si acompañaron a artista na súa representación foron a deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro; a comisaria do proxecto, Paula Cabaleiro e a avogada do CIM (Centro de Información á Muller) do Concello de Mos, Ana María Rodríguez Cabaleiro.

 

Paula Sanmartín:

Victoria Alonso:

Nidia Arévalo:

Paula Cabaleiro:

 

 

Pulso

É a terceira das catro “performances” que compoñen “Desvío”, unha peza de vocación contemporánea na que a autora fai unha viaxe desde 1920 ata 2020; percorrendo fitos tan importantes como o primeiro movemento feminista. Tira de ironía e utiliza as voces de Gila ou “dona Rogelia” para dobrar a Rock Hudson e Doris Day. Trátase dunha actuación ambientada nas décadas dos 50 e 60 na que a posta en escena cobra o máximo protagonismo e se citan moitas referencias para traballar nas temáticas que a protagonizan de forma lúdica e pormenorizada, sen recorrer ao emprego de personaxes. Paula Sanmartín ironiza co “Soño Americano” e o mesmísimo Supermán. Coa énfase na potencialidade da voz humana (a técnica da “spoken word”) e apoiándose en proxeccións de vídeo-collage, a artista tomou o pulso a un problema enraizado na nosa sociedade co ánimo de suscitar preguntas.

Mulleres en Acción. Violencia Zero

Ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Nun momento no que non se pode tolerar un paso atrás nesta loita, este programa vólvese unha actuación máis urxente e necesaria se cabe para constituír un apoio real ás creadoras e unha aposta pola sensibilización. Para o que resta de 2021 “Mulleres en Acción. Violencia Zero” contará con 2 performances, 2 intervencións murais, 4 accións de danza contemporánea, 6 accións escénicas, 5 musicais e 1 poética.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS