viernes, noviembre 22, 2024
InicioNewsComarcasO Festival de Cans abre convocatoria para o envío de pezas a...

O Festival de Cans abre convocatoria para o envío de pezas a concurso

Incorpora coma sección competitiva “Novas Camadas”, adicada a promover ás creadoras e creadores menores de 25 anos.

 O Festival de Cans abre este xoves 11 de febreiro a convocatoria de envío de obras a concurso para a súa XVIII edición que, como se anunciou hai uns días, volverá ter lugar nesta coñecida aldea de O Porriño do 1 ao 4 de setembro.
Desde este xoves e ata o 16 de maio estará aberto o prazo para o envío de obras nas categorías de curtametraxes de ficción, animación ou non ficción, así como vídeo clips, tendo como condición que todas as obras deben ser de produción galega e realizadas entre os anos 2020 e 2021.
Este ano, o festival abrirá desde o inicio a participación para a sección a concurso do Premio Deleite “Novas Camadas”, que o pasado ano se realizou mediante invitación, e se puxo en marcha só unhas semanas antes do festival. Ante a gran acollida que tivo a sección, tanto por parte do público como dos creadores, este ano será potenciada e destinada exclusivamente a promover directores menores de 25 anos.
O festival tamén recibirá longametraxes e calquera tipo de obra susceptible de poder ser programada ou presentada nas seccións paralelas do festival, dando prioridade en todas as categorías ás obras que aínda non fosen estreadas. Todas as obras poderán ser inscritas gratuitamente a través da propia web do festival, www.festivaldecans.gal.
Preto de 10.000 euros en premios
O Festival de Cans volverá aumentar a dotación económica dos seus premios nesta edición, que se aproxima aos 10.000 euros. En concreto, repartiranse un total de 9.600 premios entre as catorce categorías a concurso, ademais do característico Can de Pedra, o trofeo realizado polo artesán Paco Candán, que reciben os ganadores de cada categoría.
A organización fixo un esforzo por aumentar na medida do posible a dotación económica en premios, e que poida supoñer unha axuda determinante para creadores nun momento moi complicado. O festival considera que é un esforzo que debe asumir, ratificando o seu compromiso cos novos creadores, que serán os receptores dos principais premios.
As cantidades máis importantes estarán destinadas ao premio á mellor curta do xurado, con 2.000 euros, os premios á mellor curta de animación e mellor curta do público, con 1.500 euros cada un, e o premio á mellor curta de non ficción, denominada «Furacáns», que será de 1.200 euros, ademais de 500 euros para a mellor curta da sección “Novas Camadas” e 500 euros para o mellor vídeo clip.
Como na edición anterior, haberá un total de catro xurados específicos para outorgar estes galardóns.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS