A Xunta investirá 2,6 millóns de euros no proxecto para reducir o risco de inundacións nos ríos Zamáns e Miñor, en Gondomar, para o que será preciso demoler a ponte da avenida Curros Enríquez.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, e a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, mantivo unha reunión por videoconferencia co alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, para presentar as actuacións previstas para minimizar as posibles consecuencias do desbordamento dos ríos nesta zona, cualificada como de risco potencial significativo de inundacións. Sen ir moi lonxe, o pasado mes de decembro, o centro urbano da vila do Conde amanecía cuberto de auga a consecuencia das intensas precipitacións que provocaron o desbordamento do río Miñor.
A conselleira salientou que se trata dun conxunto de actuacións, unhas principais e outras complementarias, que a Xunta propón levar a cabo para mellorar a drenaxe na confluencia destes ríos ao seu paso por Gondomar, incluídas na proposta de convenio de colaboración remitido a semana pasada ao Concello.
Explicou que son intervencións estruturais no treito do río Miñor, entre a ponte situada na avenida do Conde de Gondomar -augas arriba do colexio- e a ponte da avenida Curros Enríquez; e no treito do río Zamáns, desde a ponte que hai na avenida Elduayen ata a súa desembocadura no río Miñor.
Demolición da ponte
Ethel Vázquez concretou a proposta de demolición da ponte da avenida Curros Enríquez, coa construción dunha nova estrutura no río Miñor sobre a estrada autonómica PO-340, de case 85 metros de lonxitude e con tres vanos. Está será a principal actuación e tamén a que suporá o maior investimento, case 1,4 millóns de euros.
Tamén se propón a execución dunha canle de alivio baixo o novo viaduto, conectando os ríos Zamáns e Miñor para que funcione a modo de desaugüe complementario no caso de episodio de inundacións; así como actuacións nos muros do río Zamáns, elevando a altura do valo existente e executando outro muro pantalla que substitúa ao actual, que está danado.
Ademais, actuarase no rebaixe do río Miñor e adecuarase a zona, eliminando o recheo xunto ao campo de fútbol na marxe esquerda, con actuacións nos paseos, accesos ás pasarelas e outras adaptacións necesarias para mellorar a accesibilidade.
A conselleira indicou que a estas intervencións principais sumaranse outras actuacións complementarias, como a adecuación e mellora da zona do paseo Carlos Casares, a limpeza dos leitos de ambos os ríos e a recuperación do bosque de ribeira.
A Xunta xa lle trasladou ao Concello de Gondomar a proposta de colaboración para acometer a obre, que ten un prazo de execución de un ano. A proposta establece que a administración autonómica asumirá o financiamento íntegro de todas as actuación previstas; mentres que lle corresponde ao Concello someter o proxecto a información pública, por á disposición os terreos necesarios e conseguir as autorizacións precisas, así como recibir as obras e asumir o seu mantemento e conservación, unha vez executadas.