O Concello de Tui executou a demolición dun edificio en ruinas na Avenida da Concordia.
A principal vía de acceso ao casco urbano de Tui, a Avenida da Concordia, desfíxose nos últimos días dun inmoble que levaba anos feito anacos. Un edificio próximo a antiga fábrica de Cam-Fram, tamén en estado de ruina. O Concello foi o encargado de acometer a demolición, logo de chegar a un acordo coa empresa propietaria. Según o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, cando se negociou a ampliación da cesión da parcela para trasladar a Cam-Fram o mercadiño dos xoves, a sociedade xestora dos terreos aceptou a cambio de que o Concello asumira o custo da derriba deste edificio que ameazaba ruina. Esta executouse cun orzamento de 10.000 euros.
Nas últimas semanas, a raíz dos temporais, o inmoble sufrira varios derrumbamentos e estaba acordoado pola Policía Local. Non obstante, ao marxe destes afundimentos, o Concello xa tramitara con anterioridade a súa demolición. «Era unha vergoña», valora o rexedor tudense sobre a imaxe que levaba ofrecendo este edificio desde fai trinta anos nunha das principais entradas a Tui.