Varias estradas de Tomiño e O Rosal amaneceron hoxe cortadas polo desbordamento dos ríos Pego e Cereixo, que viron aumentar o seu caudal a consecuencia das fortes choivas.
O primeiro lugar onde foi necesario restablecer as condicións de seguridade na vía foi no Rosal. Foi un particular quen avisou ao 112 Galicia, ao fío das 22.30 horas, do desbordamento do río á altura do lugar do Urgal. Tiveron que intervir a Garda Civil de Tráfico e Protección Civil, que cortaron dúas estradas, a que une Urgal ao Barrio Novo, á altura da ponte, e a que vincula as localidades de Sandián e Rotea.
No municipio limítrofe de Tomiño tamén se acumulou moita auga polo desbordamento do río Pego, que afectou á estrada de Campo da Estaca. Foron os axentes da Policía Local os que alertaron ao 112 Galicia da situación, informando que procederían ao peche da estrada.