domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasO CondadoPánico no túnel

Pánico no túnel

Un camión e oito turismos queimados nun luns negro, no túnel do Condado.

Un camión e oito turismos completamente calcinados; desvío do tráfico e retencións quilométricas durante toda a mañá; e unha avaría na estrutura do paso subterráneo O Folgoso que obrigou a pechar o tubo dirección Madrid. Esa é a factura que deixa o incendio ocasionado no tráiler portacoches que á primeira hora da mañá do luns, 25 de xaneiro, deixaba inoperativo o túnel da Cañiza, ao seu paso pola autovía A-52.

O lume desatouse na zona do portacoches sobre as 7.45 horas, probablemente debido a algunha avaría, pois o camión, que circulaba en sentido Ourense, non sufriu ningún accidente. Foron varios condutores os que, ao ver como as chamas saían do vehículo, alertaron do suceso ao 112 Galicia, que requiriu os servizos dos bombeiros de Ponteareas e do GES de Ribadavia para extinguir o lume; dos efectivos de mantemento de estradas para acondicionar a vía e da Garda Civil para desviar os vehículos e evitar riscos.

Debido aos problemas de visibilidade producidos no interior do túnel a causa do fume, foi preciso pechar a totalidade dos carrís, tanto en sentido Ourense como en dirección Vigo. Este último, o que se dirixe ao oeste, volveu habilitar preto das 10.30 horas, mentres que o que transita cara a Ourense permaneceu pechado durante toda a xornada. Por iso, a Garda Civil desviou o tráfico por itinerarios alternativos: un pola N-559 ata Covelo e outro pola N-120, desde Fontefría ata A Cañiza, o que provocou o colapso das estradas nacionais e do centro urbano da Cañiza.

Avaliación dos danos

No propio día non se puido concretar cánto tempo permanecerán pechados os carrís en dirección Madrid do túnel de O Folgoso, pois os técnicos do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (antes Fomento) atopábase avaliando os danos, a primeira ollada cuantiosos. “Non é posible estimar prazo de reapertura, dada a magnitude do incendio, ata coñecer o alcance de danos e a reposición de instalacións a realizar para reabrir esta calzada en condicións de seguridade”, precisaban desde a Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

O lume afectou á estrutura do túnel e tamén queimou os modernos sistemas de videovixilancia, evacuación de aire e contraincendios cos que contaba devandito paso subterráneo.

Por sorte, a pesar dos cuantiosos danos materiais, “o operativo de seguridade funcionou á perfección”, segundo a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, e non houbo que lamentar danos persoais. De feito, o condutor do tráiler que transportaba oito coches e dirixíase cara a Ourense puido saír polo seu propio pé do interior do vehículo tras decatarse do incendio e non necesitou asistencia médica.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS